Imprimir ésta páxina
Domingo, 03 Febreiro 2008 23:00

03-04 de Febreiro: OS NOSOS ENTROIDOS

03-04 de Febreiro: OS NOSOS ENTROIDOS 

Domingo, 3 de febreiro: Santiago de Arriba (Chantada). Entroido ribeirao. Volantes, peliqueiros, mecos… e as enxeñosas e festivas representacións dos oficios.

Un colorido que queda gravado fondamente, e o milagre deses sabios e fermosísimos adornos dos Volantes como a obra mestra e popular que sempre desexamos tocar.

A choiva e o frío non apagaron tanta luz nen tanta comunicación. Un nome a propoñer como representación do pobo ribeirao do Miño: Xoán Carlos González. Teremos que axudalos. 

 

Luns, 4 de febreiro: o Oso de Salcedo como representación magna do Entroido montañés. O tempo fíxonos burla en grises e ouros pequeniños. Vimos as terras da montaña salcediá, e o contexto xeográfico do Oso. Alvarizas, sequeiros, o río Lor...

Comemos o cocido. E despois corremos diante dos Criados que sempre nos pillaban para que o Oso (graciosa, aguda e maxestosa representación dun grande actor feito no natural) tinguira de negro os nosos corpos.

O gozo levado ao recoñecemento do que somos e representamos. Outro nome como representación dun bo traballo colectivo: Felipe Castro. Canto lles teremos que agradecer. 

Culturas vivas, de raíz, NOSAS. Enxeño da comunicación negada por outros Entroidos urbanos que matan a personalidade e momifican, globalizan, o que nos representa e divirte. OU NOS SALVAMOS CON ELAS OU MORREREMOS IRREMISIBELMENTE. O control e artificio da TV non pode matarnos. As institucións nosas teñen un urxente e grande traballo. Que reaxan dunha vez. 

Febreiro 2008