Imprimir ésta páxina
Mércores, 09 Xaneiro 2008 23:00

NADAL - REIS. CICLO FESTIVO


A festa do Nadal, na cultura cristián celébrase para conmemora-lo nacemento de Xesús. San Lucas que é o que dá máis detalles do acontecemento non o sitúa en data concreta. Os primeiros cristiáns só celebraban o bautizo de Cristo segundo as informacións de San Marcos e San Xoan o día 6 de Xaneiro (Epifanía) relacionada coa purificación dos ríos. Esta data ó longo dos anos foi deslocada ou asimilada pola celebración da adoración dos Reis.


Foi a partires do século IV cando se comezou a festexar o nacemento dunha forma solemne, escollendo a igrexa un dia repleto de significacións pagás, quizais para aproveita-lo fervor popular no solsticio de inverno, momento en que o sol eleva o seu curso e en que os dias comezan a medrar.


A tradición pagá latina creía que o solsticio invernal se realizaba o día 25 de Decembro e por iso conmemoraban o "Dies Natalis". Tanto a data como o nome quedaron fixos para sempre no ciclo festivo dos cristiáns derivando no idioma galego como a festa do Nadal.


San Mateo sempre atento a confirma- las vellas profecías, (MAT) II, 1 -12, non di nada de reis, nin o número nin a procedencia. Na referencia evanxélica da adoración dos magos destacan tres noticias:


A visita ó tetrarca Herodes, a adoración do neno e o sono que indica que volten por outro camiño cara ó seu país. Todo o demais engadiuse máis tarde, unhas veces lenta e laboriosamente e outras como aportacións populares que co tempo ficaron na tradición.


Nos primeiros séculos, os magos mantiveron, a consideración de astrólogos que facían as súas predicións baseándose na observación das estrelas. Oríxenes, no século IV, fixou a cantidade dos magos en tres pois, ata entón, non se precisara o seu número falándose unhas veces de dous e outras veces, de catro astrólogos.

Os nomes propios - Bithisarea, Melichior e Gathaspa- son nomeados por primeira vez, no Liber Pontificalis de Rávena, o ano 845. Xa logo, nos textos atribuidos a Beda, recóllense estes nomes e precísanse as idades. Así mesmo desvélase nesas datas a simboloxía dos presentes que Ile fan ó neno: Ouro, símbolo da realeza; incenso, símbolo da divinidade e mirra, resina vermella, aromática que se usaba como perfume e para unxi-los mortos polo que quer dicir que o filio do home tiña que morrer.


Xa moi entrado o século XIV, debido a vocación ecuménica dos predicadores, aparece na iconografía a figura do "rei" Baltasar como de raza negra, polo que se retomaba o calificativo de "fuscus" - pel morena - atribuido a Beda e que simbolizaba a descendencia de Noé - Sem, Cam e Iafet -. "Con eles repoboouse a terra toda" e representaba as tres razas coñecidas.

 

Muller con pita

"...Non vai cara o portal de Belén senon á casa do médico..."

 

Do libro: BELÉN DE OURENSE, obra de Arturo Baltar