Imprimir ésta páxina
Xoves, 27 Decembro 2007 23:00

ENTREVISTA DE LUGOPATRIMONIO COS DELEGADOS DAS CONSELLARÍAS DE CULTURA, MEDIO RURAL E INDUSTRIA-TURISMO

 

O 28 de decembro do 2007, o Presidente da nosa asociación (Lois Diéguez), Vicepresidente (Adolfo de Abel) e vocal (Carlos Ferreiro) tiveron unha entrevista cos delegados devanditos para coñecer a súa opinión a respecto de incluír a Proposta de Ben Rural de Interese Cultural e Etnográfico na Lei do Patrimonio e tamén na de Turismo, das que neste momento se está a estudar a súa revisión.

Chocou que o delegado de Cultura, dado que estaba de baixa por enfermidade, non mandase a esta reunión un representante, pois era parte fundamental para definir a súa posición.

Consideramos positiva esta reunión na que quedou patente o interese dos dous delegados restantes non só na proposta de Ben Rural senón na actuación directa sobre a intervención que se lles pedía en varios campos do noso patrimonio. A este respecto, a contestación do Delegado de Industria e Turismo, Ramón Cortés Máñez, quedou fixada nos seguintes puntos: 

A través da Dirección Xeral de Turismo: 

  • Colaboración puntual naqueles eventos turístico-culturais que se celebren ó longo do ano
  • Potenciar as Declaracións de Festas de Interese Turísticos daqueles eventos ben documentados a fin de revitalizar festas e tradicións seculares.
  • Tratar de introducir na nova lei de Turismo as  actuacións culturais que servan para revitalizar zonas que presenten festas e tradicións, a fin de institucionalizar a recuperación de tradicións e  costumes de evidente sentido cultural.
  • Colaborar con todas aquelas asociacións ou grupos cuxo obxectivo sexa a recuperación do patrimonio inmaterial.
 

A través da Dirección Xeral da Sociedade da Información: 

  • Potenciar en colaboración cos concellos e as asociacions culturais aulas informáticas introducindo a figura de dinamizadores socio-culturais.
 

A posición do delegado de Medio Rural, Emilio López Pérez, quedou fixada no seguinte texto:

  • Disposición dos Centros de Desenvolvemento Comarcal da provincia de Lugo a recoller exposicións e presenza permanente das actividades relacionadas co Patrimonio Inmaterial.
  • Edición de folletos, documentais e traballos gráficos e de imaxe elaborados sobre ritos e festas de tradición secular.
  • Intervención nos núcelos rurais e nas infraestruturas dos espazos xeográficos relacionados coa celebración das festas e ritos aos que se fai referencia na proposta de LugoPatrimonio.
  • Atención inmediata aos proxectos que detalladamente presenten as Asociacións que protagonicen a celebración dos actos referenciados.
 

Non cabe dúbida de que as Asociacións protagonistas das Fachas de Castelo, o Entroido de Salcedo ou o Ribeirao de Chantada, das Danzas da Cervela ou do Meco e as Pampónigas da Ermida..., teñen campo abonado para se sentir protexidos e axudados nas súas actividades. O noso agradecemento, pois, aos delegados das Consellarías e a nosa chamada máis animada a todoas as Asociacións que veñen traballando duro e en solitario durante tantos anos.

 

 


Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.