Imprimir ésta páxina
Martes, 11 Decembro 2007 23:00

NOVA DIRECTIVA DE LUGOPATRIMONIO E PRÓXIMOS PROXECTOS


A asemblea celebrada na noite de onte por LugoPatrimonio elixiu por aclamación unha nova directiva que quedou formada por: 

Presidente: Lois Diéguez (escritor)

Vicepresidente: Adolfo de Abel Vilela (historiador)

Secretaria: Tareixa Cabello de la Torre (profesora)

Tesoureiro: Xosé Anxo Lence (empregado)

Vocal: Sabela Rodríguez Campo (funcionaria)

Vocal: Orlando Viveiro Veiga (etnógrafo)

Vocal: Carlos Ferreiro Rubianes (profesor) 

Esta directiva é a primeira que se elixe despois da que fundou a propia Asociación e nun momento en que esta, a pesar da súa curta vida (foi creada o ano pasado), aparece xa como consolidada no panorama cultural especializado na defensa do patrimonio galego. 

Como proxectos globais para o ano 2008 aprobouse un apertado calendario de traballo para tratar de que se aprobe polas Consellarías correspondentes unha lei que defina unha nova figura dentro do noso patrimonio: Ben rural de Interese Cultural e Etnográfico. E dentro deste proxecto unha colaboración estreita coas Asociacións que levan a cabo as Festas e Ritos que determinan tamén a nosa cultura propia: As Fachas de Castelo (Taboada), O Oso de Salcedo (A Pobra do Brollón), O Meco e as Pampórnigas (Quiroga), O Entroido Ribeirao (Chantada), e as Danzas da Cervela (O Incio).  

Como proxectos inmediatos para o primeiro trimestre do ano que vén aprobáronse as seguintes actividades:

Xaneiro: dentro do ciclo “coñecer as nosas cidades” viaxarase a Ourense para facer un itinerario relacionado con monumentos e personaxes e visitar o famoso Belén do escultor Arturo Baltar así como unha exposición do mesmo autor que inaugurará dentro duns días. Previamente á viaxe haberá dúas conferencias relacionadas coas xeracións de literatos e artistas que configuraron a forte personalidade desta cidade a través da súa historia, e con fotos e proxeccións do itinerario que se seguirá por Ourense (incluído tamén o da novela de Blanco Amor “A Esmorga”). 

Febreiro: dedicado ao patrimonio inmaterial, presentarase o Entroido de Salcedo (A Pobra do Brollón) en colaboracións coa Asociación que programa os actos deste ano. Proxectaranse videos do sonado Oso de Salcedo por parte do Presidente e secretario e o luns de Entroido, día 4 de febreiro, viaxaremos a Salcedo para gozar, cos viciños e festeiros, o atraínte percorrido deste animal-personaxe que nos leva a tempos que se perden na nosa propia historia. O fin de LugoPatrimonio é que esta festa ritual sexa declarada Ben Rural de Interese  Cultural e Etnográfico. 

Marzo-Abril: Dedicarase a un Taller do Barroco, con conferencias sobre os séculos en que floreceu (s. XVII e XVIII), e outras que estudarán as Festas, Arquitectura, Pintura e Música dese período da historia. Haberá, tamén, proxeccións didácticas, un concerto de música en escenario barroco (posibelmente no mosteiro de Samos), e viaxes a Santiago de Compostela e outra cidade aínda sen deteminar, enfocadas para valorar na súa xusta medida este estilo arquitectónico que deu gloria internacional á inspiración dos nosos grandes arquitectos galegos.  

Lugo, 12 de decembro do 2007

O Presidente

Asdo: Lois Diéguez

 

 


Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.