Imprimir ésta páxina
Martes, 11 Decembro 2007 23:00

PROPOSTA DE CRIACIÓN DA FIGURA DE “BEN RURAL DE INTERESE CULTURAL E ETNOGRÁFICO”


Desde ben antigo, Galiza foi producindo bens patrimoniais materiais e inmateriais que axudaron a conformar a nosa personalidade nacional. A través dos séculos, uns foron desaparecendo asimilados por outras culturas, outros mantivéronse e moitos deles sofren neste momento ameaza de desaparición definitiva. Convén decatarse tamén, de que a maior parte dos que, a duras penas subsisten, conformáronse na cultura primeira que tivo asentamento rural. É neste ambiente, pois, onde se verifica hoxe  a súa existencia, de aí a definición de “Ben rural de interese cultural e etnográfico” que propoñemos.

Esta nova figura definiríase para os seguintes obxectivos:

  1. Recoñecer a importancia que ten o Ben declarado para a nosa nación, pois forma parte das singularidades que como tal nos definen.
  2. Protexer, potenciar e consolidar o Ben declarado de forma que se asegure a súa permanencia.
  3. Incidir en todo tipo de estudos que leven a un coñecemento máis profundo do Ben declarado

O primeiro punto acadaríase coa propia declaración oficial como “Ben rural de interese cultural e etnográfico”.

O segundo conlevaría as seguinte condicións xerais:

  1. A Administración (Consellaría de Cultura) participaría dalgún xeito no órgao popular de dirección do Ben Inmaterial, co obxectivo da súa potenciación e consolidación.
  2. As distintas administracións, prioritariamente as Consellarías de Medio Rural e Industria (D.X. de Turismo), intervirían tamén con orzamentos anuais que potenciarían as infraestruturas e economía da zona xeográfica onde existe o Ben declarado.
  3. O obxectivo, globalmente, non é somente distinguir de xeito teórico o Ben de que falemos, senón construír ao seu redor un programa económico que acabe desenvolvendo a zona, fixando poboación nese contorno e incidindo na toma de  conciencia dos valores construídos ao longo da historia polo pobo galego. .

Son estes principios xenéricos que se detallarían polo miúdo para completar a figura de “Ben rural de interese cultural e etnográfico”. Desde LugoPatrimonio facemos proposta ás distintas consellarías para que se cree a devandita  figura, animados polo traballo e necesidades que hai neste momento en celebracións como O Entroido de Salcedo (Pobra do Brollón), As Fachas de Castelo (Taboada), ou as Danzas da Cervela (O Incio), por poñer só uns exemplos (esta última a piques de desaparecer ou transformar a súa pureza secular)..

Lugo,  decembro do 2007
O Presidente de LugoPatrimonio

Asdo: Lois Diéguez