Imprimir ésta páxina
Venres, 15 Xuño 2007 23:38

VIAXE A MONFORTE

LugoPatrimonio visitou o 16 de xuño Monforte de Lemos . Fermosos paseos polo Cabe, San Vicente (castelo, convento e palacio dos condes de Lemos), e por suposto, os Escolapios. O día anterior, 15 de xuño, Lois Diéguez, mediante fotos e comentarios, achegounos aos secretos da cidade ( Monforte: tesouros que no ollamos ). Púxonos como tarefa descubrir cinco fermosos detalles: (monte de Piñeira, cabeza de san Pedro mártir, san Xoán e a águia do retablo de Moure, cabeza de santa Lucía e escudo dos Osorio) durante as visitas e paseos do día, e os que primeiro os descubriron levaron un libro da súa autoría ( Viaxe ás terras encantadas de Lemos ). Parte deles acabamos sorteándoos entre todos e todas. César Carnero, o presidente de Amigos Patrimonio de Lemos , foi un guía de luxo. Como quedamos con débedas con el, tomaremos un viño e o que o acompañe en Lugo. Ao final cantabamos todos. Fomos felices, verdade? Chin-chin.

 

O RAMO
A PAULIÑA

O Ramo para o restaurador e presidente de Amigos patrimonio de Lemos, don César Carnero pola súa loita a favor da urxentísima rehabilitación da igrexa de san Vicente (Monforte de Lemos). Os estudos sobre pinturas e outro material agachados no chan e nas paredes necesita tamén unha pronta edición.

 

A Pauliña para as administracións correspondentes (Concello, Xunta (Patrimonio), Escolapios…) por deixar que o fermoso e valiosísimo retablo de Francisco Moure , da igrexa dos escolapios de Monforte , siga a encherse con toneladas de po e a aburacarse coas roeduras da couza. Un día caerá sobre a indiferencia e a irresponsabilidade dos que rexen o noso patrimonio. Para que os queremos?