Imprimir ésta páxina
Venres, 12 Xaneiro 2007 21:55

APERTURA DO OBRADOIRO “COÑECER O ROMÁNICO”

 

Despois dunha boa campaña da nosa programación sobre “Coñecer o Románico”, o resultado deixounos, como di o conto popular, non só contentos senón encantados. A cantidade de interesados e interesadas neste ciclo de conferencias e viaxes chegou aos 235, dos cales se incribiron en tempo e forma, 201.
Como ferramentas de traballo entregouse unha carpeta cos guións das propias conferencias, o libro “O reino medieval de Galicia”, de Anselmo López Carreira, e un dvd confeccionado polas Agrupacións Culturais da nosa provincia titulado “Viaxando con Manuel María”, pois foi el un consumado viaxeiro e cantor das culturas e paisaxes por el visitados.
O Delegado provincial da Consellaría de Cultura e Deporte, D. Xoán X. Molina Vázquez, e o Xerente do Xacobeo, D. Ignacio Rodríguez Eguíbar, xunto co Presidente da nosa Asociación, D. Lois Diéguez, o Vicepresidente, D. Adolfo de Abel, e a secretaria, Dª Celia Fajar, inauguraron este obradoiro con palabras sentidas e animados ante un salón totalmente ateigado de xente. Os parabéns foron reiterados á organización e éxito das xornadas, e tamén á axuda e colaboración destas institucións. Deseguido, proxectouse o vídeo “O Románico en Galicia”, producido pola AS-PG e con dirección de Eduardo Álvarez e guión de Xosé Fco. Correa e Jaime Duque.
O historiador D. Anselmo López Carreira, con material baseado en transparencias, ofreceu a conferencia inaugural sobre a Galiza dos séculos XI e XII, francamente interesante sobre todo por nos situar con realismo e personalidade nunha historia real normalmente agachada polas teoristas castelanizadoras, situando un país moi diferente ao actual, con forte poder político e capaz de crear toda esa riqueza do románico que podemos admirar con fortuna nestes momentos.
Situada, pois, a historia, viaxaremos nas próximas fins de semana, pola arquitectura e iconografía do románico e veremos en exemplos prácticos de igrexas e monumentos da Ribeira Sacra e Portomarín toda a teoría que darán os profesores D. Alberte González e D. Xaime Delgado Gómez. A Directiva de LugoPatrimonio, está a estudar agora como arranxar o alto número de participantes para que as viaxes sexan o máis cómodas posíbeis.

A época do románico foi para nós, galegos e galegas, tempo de esplendor nos distintos campos da arte, até tal punto que a creación propia do "Románico Compostelán" chegou a acadar sona internacional a través do Camiño de Santiago. Este Obradoiro sobre Coñecer o Románico intenta, dun xeito sinxelo e didáctico, mostrar aquelas características que nós todos poidamos recoñecer en calquera dos nosos monumentos; mais non so iso, senón tamén o que acontecía na Galiza durante os séculos XI, XII e mesmo XIII para que esta riqueza se puidese producir. LugoPatrimonio, intenta, con este obradoiro, popularizar e festexar o que os nosos devanceiros construíron coa inspiración propia dunha Terra diferente, rica e orgullosa do poder que, desde si mesma chegou a conquerer.

Lois Diéguez,
Presidente de LugoPatrimonio

Lugo, xaneiro do 2007


12, 19, 20, 26, 27 DE XANEIRO DO 2007
BIBLIOTECA PÚBLICA PROVINCIAL LUGO