Os pazos...
A silueta do pazo, pechado entre os seus valados, pero deixando asomar torre, afiados cipreses e copas de árbores exóticos, controlando caseiros, terras e gando, é imprescindible como escenario dun acontecer para enxergar a Historia da Galiza. Construccións con alicerces que se perden nas arqueoloxías do tempo, algúns quizais sobre vilas romanas, ou sobre torres medievais, aproveitando as condicións estratéxicas da súa ubicación, en lugares de paso, a facilidade para unha economía de cultivos e gando, pero tamén as climatolóxicas do lugar. Escenarios dun acontecer feudal que non foi alleo a lendas, a historias contadas e escoitadas, entre fume e tebras, a carón da lereira. Fonte de inspiración para creadores de todos os tempos: a Pardo Bazán, Valle Inclán, Otero Pedrayo, Torrente Ballester...
Construcción de grande e defendida porta sobre a que campa a pedra armeira da casa, gañada por aventuras e desventuras, por servizos a monarcas, coas enseñas que poidan remetirnos a esas historias e aos mesmos apelidos: as lousas dos Lousada, as águias dos Aguiar, as taboas dos Taboada... toda enseña é un símbolo que nos remite ao acontecer ou a lendas .
Sobre o tellado presuntuosas chiminés, como torres, noutrora fumegando o val e que no interior correspondían coa sú cambota sostida por columnas de orde galego...as conducións quentando os cuartos dos señores, de gastadas taboas e cheiro a liñaza. Sólidas paredes cubertas de hedra, si acaso abertas por bufardas e saeteiras. Nas partes altas xanelas, abertas á paisaxe e aos camiños, parladoiros dunha e doutra banda para deixar pasar horas esgazadas pola chegada ou saída dos fidalgos. Patio interior, patín, solaina...capela na que sempre podía haber a imaxe dun santo cabaleiro ou pelegrín, un Santiago ou un San Roquiño.
O Pazo é casona aberta a esa xerarquía que vai do sofisticado xardín, ás hortas e viñas labradas co suor dos caseiros e xornaleiros para producir viño criado na sombra de pétreas adegas...e no fondo, perdéndose entre os sulcos da topografía, o bosque, a fraga, o espeso souto ou carballeira, onde se podía dar liberdade ao lobo e ao gavilán. O río, os muiños...os camiños
Prepotentes arquitecturas de clase e rango, coas pegadas do tempo e mesmo do seu autor, pero leais e en simbiose coa paisaxe, non tanto cunha paisanaxe que aparece coutada nos lugares inmediatos. O interior, tan pouco estudado, responde a esas mesmas pautas: tolerancia entre o culto e o popular. As uchas con tradicionais labras de rosáceas e símbolos xeométricos de tradición céltica, alternan cos bargueños de incrustacións en carei ou marfil, trisillos, grandes armarios nos que esconderse incluso e con caixóns secretos...na lareira todo ese mostrario arredor da garmalleira e o pote, escano, artesa, alzadadeiro...Currunchos nos que, nas noites, as señas, a Santa Compaña, os espíritus dos ancestros podían acougar penas.
(Artigo de Felipe-Senén López Gómez, Museólogo e Historiador)