Andar aos niños.
Abaneados polo vento randean carballos e castiros mentras as primeiras nubes fuxen veloces empuxadas por outras máis mouras que de seguro han deixar auga ou sarabia. Entre marceada e marceada raiolas de sol alumean na contorna dando quentura e vida á natureza que esperta. Daquela ao rematar de chover, e tras un breve silenzo, comenza unha variada ringleira de asubíos que se estende polas fragas. É tempo de criar, cos paxaros bulindo sen acougo a construír lugares de acubillo aproveitando o agromar das follas que cubren a paisaxe. Nas silveiras aniñan paporrubios, lavandeiras, merlos, tordos, e tamén carrizos naqueles seus minúsculos habitáculos en forma de nobelo forrados dunha acolledora mulida. As pegas mouras elaboran complexos deseños, con armazón de ramallos reforzado por lama, empolicados nos carballos ou entremedias das toxeiras, mentras súas parentas rebordás, que constrúen modelos máis sinxelos, utilizan con preferencia matogueiras máis pechas. Aló nos altos curutos dificultosos de agatuñar aniñan corvos e pombos, éstes para pór dous ovos brancos, os mesmos que deitan as rulas enriba de catro garabullos armados en xestas ou abidueiras baixas. Por fin vistosos ouriolos cruzan as carballeiras asubiando fermosas e longas melodías para pendurar seus niños no pico das pólas, en lugares de acceso imposíbel.
No fondo sombrizo das fragas repinican petos donairosos, facendo contrapunto, ao labrar nas árbores máis duras buratos redondiños donde acomodar súas niñadas. Tamén chegan bubelas pasear fachendosas seus penachos polas veigas, peteirando bicada tras bicada para alimentar crías famentas que agardan no burato dalgunha parede, e curuxas, amigas de aniñar en casas abandonadas, que nas noites de luar botan longos ouveos agoiro de escuros presaxios. O moucho pola súa banda utiliza como niño toros de ameneiro apodrecidos donde a femia pon dous ovos de inmaculada cor branca que choca con esmero, dos que nacerán pitos esfameados que aos poucos han de ir cubrindo de plumas. No chan procuran acomodo perdices e pazpallares, aquelas entre carqueixas, estoutros no medio dos leiros de centeo, e lavancos, que o fan nas beiras de regatos e lagoas para despois, apenas nadas súas crías, buscar seguridade e protección na auga. Arceas e mazaricos agachan seus ovos ao abrigo dos penedos fóra do alcance visual de buxatos e largateiros que no curuto do ceo dan voltas desconformes en competición aberta, por ver quen sube máis alto, con lavercas e cotovías. Días máis tarde chega o cuco, que vén de pasar inverno fóra, e pón un ovo en cada niño doutro paxaro esquecéndose da cría que ha de ser asumida pola parella constructora.
Neste tempo a rapazada vixiaba con atención idas e voltas das aves procurando descubrir seus lugares de aniñada, conservados despois en moito segredo. Ás pegas quitábanselles ovos día a día, deixando endego para obrigalas a pór máis, coidando de ver que non estiveran chocos para o que se lles facía a proba de afondar nunha cunca chea de auga. Polos paxaros pequenos gardábase certo respecto e observábanse seus niños en silenzo procurando que non anoxaran. En ocasións algún ovo resultaba goro e del non saía cría por moito que chocara, outros remataban no papo das cobras ou das aves de rapina, mais o habitual era ver como antes do verán as crianzas novas abandonaban seus niños, capaces de valerse por si mesmas.
Orlando Viveiro Veiga